xoves, 4 de xuño de 2026

Gordofobia, un podcast de Proxecto Competencial

 Este trimestre o alumnado de 2º de ESO de Proxecto Competencial traballou diversos temas que teñen que ver coa loita contra a desigualdade. Este Podcast de Lois, Roque e Mateo resultounos do máis interesante.

 




luns, 18 de maio de 2026

Begoña Caamaño _ Letras Galegas


 Hoxe presentamos o traballo realizado por dúas alumnas de 2º de ESO C sobre a figura de Begoña Caamaño, homenaxeada no día das Letras Galegas.


 

venres, 15 de maio de 2026

17 de maio: día das Letras Galegas e Día Internacional contra a homofobia, a transfobia e a bifobia.

 

A escritora e xornalista galega Begoña Caamaño destacou pola súa defensa da igualdade, do feminismo e da lingua galega. Nas súas obras deu voz ás mulleres e cuestionou os estereotipos tradicionais. O seu compromiso social e cultural converteuna nun referente de pensamento crítico e de liberdade.

 O Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia reivindica o respecto á diversidade afectivo-sexual e de xénero e denuncia toda forma de discriminación. Esta conmemoración lembra a importancia de construír espazos seguros, inclusivos e libres de prexuízos, nos que todas as persoas poidan vivir e expresarse con dignidade.


Inspirándose nas tarefas da Penénope de Begoña Caamaño e procurando a defensa dunha sociedade máis xusta e diversa, o profesorado do EDL teceu un chal coa palabra LIBRES nas cores da bandeira arco da vella, unindo con el ambas efemérides. A instalación, situada na entrada do instituto, convértese nunha homenaxe a través desta mensaxe reivindicativa de igualdade, inclusión e respecto para toda a comunidade educativa. o chal cerra o paso a un corredor realizado con citas das obras de Begoña Caamaño que penduran do teito coma unha choiva de palabras.




 

xoves, 7 de maio de 2026

Gala 30ª edición do Certame de Teatro Intercentros

O 6 de maio démos remate á 30ª edición do Certame de Teatro Intercentros de Santiago e Comarca. O aniversario ben merecía unha festa de despedida este curso. A 30ª edición agasallounos con 7 días no Teatro Principal de Santiago e coa presenza de persoeiros que tiveron a honra de estar presentes cando xurdiu a idea de facer un certame de teatro en galego. Acompañáronnos tamén a alcaldesa de Santiago, Goreti Sanmartín, e a Concelleira de Educación Miriam Louzao, sen cuxo apoio moral, económico e organizativo non sería posible chegar a cumprir 30 anos.

Estas fotos son unha pequena mostra desta festa do teatro:







 

mércores, 6 de maio de 2026

Teatro Intercentros: Verschlimmbesserung

Este martes 5 de maio, Vai no dentista estreou no Teatro Principal de Santiago, no marco da 30ª edición do Certame de Teatro Intercentros a obra Verschlimmbesserung, que nosmergulla nunha sucesión de escenas delirantes, poéticas e absurdas onde as personaxes intentan, con fervor case místico, arranxar as súas vidas… para acabalas estragando dun xeito encantadoramente gracioso. Cada intento de poñer orde, desencadea un caos inesperado que mestura humor, crueldade e tenrura. Entre rituais disparatados, confesións
imposibles e imaxes simbólicas, a peza revela unha verdade incómoda: ás veces,
na obsesión por mellorar o mundo, só conseguimos complicalo máis. Unha
celebración do erro humano, do fracaso lexendario e da luz que aniña en todo
canto acaba rematadamente regular .

Velaquí algunhas imaxes da función:













 

martes, 5 de maio de 2026

Certame de teatro Intercentros: Carraxe

 Hoxe, 5 de maio, ás 12:30 da mañá, no escenario do Teatro Principal de Santiago de Compostela, cinco —ou quizais seis— mulleres silenciadas, borradas e mal tratadas pola Historia saíronn da escuridade e levantaron a voz. A través de monólogos entrelazados, lembranzas fragmentadas e diálogos que rompen o tempo, foron desmontando a versión ca que o mundo as enviou ás marxes. Traían con elas as feridas, pero tamén unha carraxe que as mantiña a salvo do esquecemento. No escenario esixiron memoria, xustiza e recoñecemento. A obra convertiuse nun acto de resistencia colectiva. As mulleres, que durante séculos foron notas no pé da páxina, ocupan hoxe por fin o centro da escena para reivindicar a súa vida e a súa valía. 

Esta obra é un berro contra o silencio e unha celebración da dignidade.







 

Correlingua 2026

 

O noso centro participou un ano máis no Correlingua 2026, unha xornada de convivencia e compromiso coa nosa lingua baixo o lema «Co galego no corazón».

O alumnado sumouse con entusiasmo a esta iniciativa,
para lembrar que a lingua galega é unha parte fundamental da nosa identidade e un patrimonio que debemos coidar e transmitir.

Esta actividade permitiunos compartir unha experiencia colectiva na que o exercicio físico se converteu tamén nunha oportunidade para expresar o noso orgullo de falar galego e para reivindicar o dereito de vivir plenamente na nosa lingua.

Porque o galego latexa en cada palabra, en cada encontro e en cada paso que damos. Levámolo, hoxe e sempre, no corazón.