O 30 de xaneiro, no IES A. Xelmírez I, celebramos o Día da Paz realizando unha montaxe fotográfica con base na obra de Banksy, Soldier throwing flowers. Logo, no recreo, levamos a cabo un acto interdisciplinar no que houbo música, canto, arte e, ante todo, un rexeitamento común a todos os tipos de violencias e conflitos bélicos.
EDL-Xelmirez1
venres, 30 de xaneiro de 2026
Día da Paz
luns, 22 de decembro de 2025
Premio "Concepción Arenal" a proxectos educativos pola igualdade de xénero
O equipo de Igualdade do IES Arcebispo Xelmírez 1 acaba de conseguir o prestixioso premio Concepción Arenal da Deputación da Coruña, grazas ao traballo constante dun grupo de docentes que levamos anos formándonos neste tema, e sobre todo ao labor inconmensurable de Sabela Pernas e Carme Moure.
Parabéns!!
Enlace á noticia
martes, 25 de novembro de 2025
25 N _ Microteatro
Vai no Dentista puxo en escena esta mañá, 25 de novembro, unha peza de microteatro nas aulas de 2º , 3º e 4º de ESO do noso instituto.
O texto no que se basea a peza é unha adaptación dun artigo publicado por Antonio Gala no libro "A quien conmigo va", e aínda sendo un texto ficticio, ten unha base moi real, xa que o autor, no seu momento (na primeira metade dos anos 90), se inspirou nun caso acontecido no sur de España.
A interpretación de Guadalupe Otero conmove ata as bágoas, nunca viramos o alumnado tan atento e respectuoso.
Xoguemos a que somos iguais
0 día 25 de novembro celebramos o Día Mundial contra a Violencia exercida contra as Mulleres apareceu esta escaleira no corredor central.
Os equipos de Igualdade e Normalización realizaron unha montaxe con dúas escaleiras e unha chea de bonecas e bonecos, que aportaron membros do claustro de profesorado e do alumnado (moitas grazas!). Tratábase de representar a desigualdade utilizando bonecas colocadas en distintos niveis para visibilizar as violencias que sofren as mulleres desde a infancia. A través desta instalación lembramos que xogar tamén educa.
martes, 4 de novembro de 2025
Vai no Dentista finalista no Xuventude Crea!
Este comezo de curso, presentámonos ao Certame de Teatro Amador Xuventude Crea, e resultamos finalistas nunha primeira peneirada coa obra A batalla da fin do mundo.
A final tivo lugar os días 31 de outubro e 1 de novembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O noso grupo de teatro actuou o sábado 1 de novembro ás 20:20 e a rapazada desfrutou coma nunca!
Tres días despois obtivemos o veredicto: Terceiro posto de toda Galicia , por detrás de LaBarata, tamén de Santiago, e Palimocos, de Lugo.
Estamos moi orgullosas de este merecido resultado!
luns, 13 de outubro de 2025
Día Mundial da Saída do armario
Elixiuse o 11 de outubro para celebrar o Día Mundial da Saída do Armario porque coincide co aniversario da Marcha polos Dereitos LGTBIQ+ que tivo lugar en Washington DC en 1987 e onde acudiron máis de 500.000 persoas para pedir a igualdade de dereitos.
Cada ano, desde 2020, eliximos esta data para traballar esta temática nas aulas e para dar inicio ás nosas reunións no Espazo de Igualdade e Apoio "Revirades".
Este ano, o alumnado de 2º de ESO realizou unha instalación na que metían os prexuízos no armario, e sacaban os dereitos e liberdades.
venres, 26 de setembro de 2025
Día Europeo das Linguas
Esta tarde do 26 de setembro, un grupo de alumnas e alumnos do IES Arcebispo Xelmírez 1, baixo a dirección de Daniel Baamonde e Sagrario Torrado, realizaron na diante do Museo das Peregrinacións unha actuación destinada a conmemorar o Día Europeo das Linguas.
Asistiu ao evento o Secretario Xeral de Política Lingüística, que destacou "o papel da lingua como ponte entre culturas e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa”. O evento foi publicado no sitio-web da Xunta de Galicia.















